O logotipo de Arrincadeira

O actual logotipo da Asociación Arrincadeira foi aprobado na Asemblea Xeral do 10 de decembro de 2005, e a súa descrición é a seguinte: debuxo en azul do torques de Riotorto, e no seu interior, as palabras Asociación Arrincadeira (en azul) e Riotorto (en amarelo), con tipo de letra Gallaecia. O logotipo combina dous elementos xa usados anteriormente pola Asociación, como son o torques de Riotorto e o tipo de letra Gallaecia.

O torques ou brazal de Riotorto é unha peza de filiación castrexa que foi atopada no monte da Croa e que actualmente se conserva no Museo Provincial de Lugo. Foi considerado como brazal debido ao seu enroscamento para axeitalo como enfeite de brazo. Está datado entre os séculos III e I a. C., e tén un peso de 111,5 gramos e un diámetro de 8,9 centímetros. Pertence a unha colección particular.

Parece ser que é esta peza á que se refire Villaamil y Castro como o brazal recollido en marzo de 1870, con variña de sección romboidal, enrolada en hélice e remate en perillas. Este brazal estivo na súa colección, e foi achado polos fillos do labrego Rosendo Leivas (da casa de Fontes do Teixeiro), xunto con dous torques fragmentados de ouro, un alfinete, dúas fibelas e outros obxectos. Puido ser un torques e non un brazalete dada a súa lonxitude.




Logotipo da Asociación Arrincadeira


Torques ou brazal de Riotorto



Descrición e fotografía do torques: libro Riotorto. Guía do Concello, de Carlos Xesús Varela Aenlle (editado pola Deputación Provincial de Lugo, ISBN: 84-8192-216-1)