Como facerse socio de Arrincadeira


Como adquirir a edición facsimilar de El Agricultor


Como adquirir o libro das I Xornadas da Historia



A Asociación Arrincadeira recibiu unha subvención da
Área de Cultura - Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo




(17/11/2010) Actividades de reciclaxe, consumo responsable e comercio xusto

A Asociación Arrincadeira, en colaboración co CEIP de Riotorto e a tenda de comercio xusto A Cova da Terra, organiza diversas actividades sobre reciclaxe, consumo responsable e comercio xusto, que terán lugar o vindeiro mércores, 17 de novembro, pola mañá, nas instalacións do colexio.
As actividades inclúen charlas sobre comercio xusto e consumo responsable, así como obradoiros sobre eses mesmos temas. Podedes atopar máis información nos documentos adxuntos.
[Cartel anunciador]
[Información sobre as actividades]
[Páxina web da Cova da Terra]



(14/11/2010) Degustación de produtos de comercio xusto e ecolóxicos

O vindeiro domingo, día 14 de novembro, celébrase en Riotorto o Mercado de Outono. Este ano, como novidade, haberá unha degustación de produtos de comercio xusto e ecolóxicos, organizada pola tenda de comercio xusto A Cova da Terra, xunto coa Asociación Arrincadeira. Será entre as 12.00 e as 13.00 horas, no posto que A Cova da Terra terá instalado na feira. Alí, os asistentes poderán probar chocolate, café, infusións e moitos outros produtos.
[Cartel anunciador]
[Páxina web da Cova da Terra]



(13/11/2010) VII Xornadas Micolóxicas

A Asociación Cultural Arrincadeira, en colaboración co Concello de Riotorto, organiza as VII Xornadas Micolóxicas, coincidindo coa celebración do Mercado de Outono. Desta volta contaremos coa axuda do mugardés José Luis Cuba Crespo, experto micólogo e oito veces gañador do concurso de cestas de cogumelos da feira das Pontes. A saída á procura dos cogumelos será o sábado día 13, ás 9 da mañá, desde a Praza das Rodrigas. Logo dunha clasificación faremos unha exposición cos exemplares atopados. O domingo haberá degustación dos cogumelos, en diferentes elaboracións, no marco do Mercado de Outono que se vai celebrar nas Rodrigas. Animádevos e participade na saída para aprender algo máis sobre a micoloxía!
[Galería fotográfica das VI Xornadas Micolóxicas]
[Bando do Concello co programa de actividades do Mercado]



(31/10/2010) IV Festa das Cabazas

Chega o día de Defuntos. En todas as partes comezamos a ver cabazas que representan caras arrepiantes que nos invitan a celebrar o Halloween. Pero, ¡atención!, non é americano todo o que o parece. Ata hai trinta anos, por moitas aldeas de Galiza tallábanse cabazas por estas datas, e a día de hoxe cada vez hai máis lugares nos que se está a recuperar esta tradición na forma da festa do Samaín.
Se se busca en libros de etnoloxía polas celebracións que se fan no país con ocasión do día de Defuntos, atoparemos unha serie de costumes ancestrais propias. Desde deixar un oco na mesa ou racións de comida para os defuntos ata facer colares coas castañas novas. A pouco que se pregunte a persoas de máis de corenta anos de diferentes puntos da nosa xeografía, lembran que tamén era habitual por Defuntos coller cabazas, tallarlles unhas caras feroces, poñerlles un pauciños coma dentes e deixalas nos camiños para asustar ós viandantes. Todo isto con ocasión da festividade dos Defuntos, o dous de novembro. Este costume coincide co americano de Halloween e aínda co máis antigo celta do Samaín, no que eran os cranios dos inimigos os que brillaban na escuridade con candeas no seu interior.

A Asociación Arrincadeira organiza, en colaboración coa ANPA (Asociación de Nais e Pais de Alumnos) do colexio de Riotorto, a IV Festa das Cabazas. A partir das 10 da noite, apagaranse as luces da Praza das Rodrigas e comezará o magosto e máis a actuación do lalinense Celso Fernández Sanmartín, co espectáculo "Contos que non falten". É unha boa oportunidade para disfrutar dun dos mellores contacontos da actualidade.
Previamente, ás catro da tarde, haberá un obradoiro na Casa da Cultura, onde os nenos prepararán as cabazas. Prégase que os nenos que veñan acompañados de algún maior traian a ferramenta precisa para cortalas e baleiralas. Todos deben vir cun rotulador gordo e un cullerón, e se é posible poder traer algunha cabaza mellor que mellor.

[Vídeo resume da I Festa das Cabazas]
[Folleto informativo sobre a orixe histórica da Festa das Cabazas]
[Actuación de Celso Fernández Sanmartín]



(27/10/2010) Arrincadeira no Facebook

A Asociación Arrincadeira ten xa o seu perfil na popular rede social Facebook. Busca "Arrincadeira Riotorto" e agréganos!



(27/10/2010) A web de Arrincadeira volve á actividade

Despois dos problemas técnicos que nos obrigaron a mudar o dominio da web, voltamos á actividade. A partir de agora poderedes consultar nesta web as novas, actividades e incidencias da Asociación. Lembrade que o novo enderezo da web é www.arrincadeira.eu (en lugar do .org que tiña antes), acordádevos de actualizala se a tedes nos favoritos dos vosos navegadores.



(21/11/2009) Galería fotográfica da Rota do Ferro

Os compañeiros da asociación MariñaPatrimonio veñen de subir á súa páxina web unha galería fotográfica da visita que fixeron o pasado 21 de novembro aos concellos da Pontenova e Riotorto. Podedes velas na seguinte ligazón:
[Galería fotográfica da Rota do Ferro]
[Páxina web da asociación MariñaPatrimonio]



(21/11/2009) Excursión pola Rota do Ferro

Como xa anunciamos fai uns días, os compañeiros da asociación MariñaPatrimonio organizan unhas Xornadas de Patrimonio centradas na arqueoloxía industrial na comarca da Mariña. O vindeiro día 21 de novembro organizarán unha visita guiada polos concellos da Pontenova e Riotorto, na que se visitarán os Fornos da Pontenova, a Ferraría de Bogo, o Mazo da Fraga e unha forxa en Espasande de Baixo. A visita estará guiada polo historiador e etnógrafo Miguel Abraira. Os interesados en participar nesta actividade deberán inscribirse antes do día 18. Para máis información sobre como apuntarse podedes consultar as seguintes ligazóns:
[Cartel anunciador]
[Páxina web da asociación MariñaPatrimonio]



(31/10/2009) III Festa das Cabazas

A Asociación Arrincadeira organiza, en colaboración coa Asociación de Nais e Pais (ANPA) do Colexio Público de Riotorto, a terceira edición da Festa das Cabazas. O sábado 31 de outubro, ás catro da tarde, desenvolverase na Casa da Cultura un obradoiro onde os nenos prepararán as cabazas. Prégase que os nenos que veñan acompañados dalgún maior traian unha navalla ou coitelo, e a poder ser todos os nenos deben vir cun rotulador gordo, un cullerón para baleirar as cabazas e se é posible traer algunha cabaza mellor que mellor.
O mesmo día, a partir das nove da noite, comezará a festa na Praza das Rodrigas, coa participación do druida contacontos Salgueirovix (Anxo Moure), apagarase a iluminación pública e comezará o tradicional magosto. Animamos a todos os nenos e familiares a que participen nesta fermosa festa.
[Cartel anunciador]
[Galería fotográfica da II Festa das Cabazas]
[Vídeo resume da I Festa das Cabazas]
[Folleto informativo sobre a Festa das Cabazas]



(24/10/2009-21/11/2009) Xornadas sobre Arqueoloxía Industrial

Os compañeiros da asociación MariñaPatrimonio organizan unhas Xornadas de Patrimonio centradas na arqueoloxía industrial na Mariña Luguesa. Estas xornadas darán comezo cunha conferencia a cargo de Xavier R. Lombardero que levará por título Repensando A Ponte. Será o vindeiro sábado, día 24, ás sete e media da tarde, na Casa da Cultura da Pontenova.
Posteriormente, o día 21 de novembro terá lugar unha visita guiada por Miguel Abraira, na que se visitará a Ferraría de Bogo, na Pontenova, e o Mazo da Fraga, en Ferreiravella (Riotorto), ademais doutros puntos de interese destes dous concellos. A saída será ás dez da mañá do Museo do Mar de San Cibrao. As persoas interesadas nesta actividade deberán poñerse en contacto coa asociación para reservar praza.
Por último, no mes de decembro terá lugar un acto en Viveiro, coa intervención de Xoán Carmona Badía, para falar do patrimonio industrial e das pegadas materiais da actividade humana máis recente na comarca da Mariña. MariñaPatrimonio tamén porá a disposición dos centros de ensino da Mariña unha exposición itinerante sobre o pasado industrial da comarca.
Desde a Asociación Arrincadeira convidámosvos a participar nestas actividades, que de seguro resultarán moi instructivas para os interesados na nosa historia e no noso patrimonio.
[Páxina web da asociación MariñaPatrimonio]



(15/10/2009) Presentación de Riotorto no tempo na Aula de Dinamización

O vindeiro día 15 de outubro, ás seis e media da tarde, terá lugar na Aula de Dinamización de Riotorto, situada no Centro Sociocultural, unha charla-presentación da páxina web de Riotorto no tempo, que presentamos o pasado día 23 de agosto.
Esta actividade ten como obxectivo introducir aos usuarios da Aula de Dinamización no funcionamento do proxecto para que poidan colaborar nel, ben comentando as fotos da páxina ou ben aportando novas imaxes. Deste xeito, pretendemos familiarizar coas novas tecnoloxías sobre todo á xente maior de Riotorto, cun tema que de seguro será do seu agrado e no que poden ser unha valiosa fonte de información.
[Web do Centro de Dinamización da Sociedade da Información de Riotorto]



(04/09/2009) Riotorto no tempo nos medios de comunicación

Nas seguintes ligazóns podedes ler e escoitar distintas novas relacionadas coa presentación de Riotorto no tempo que tivo lugar o pasado día 23 de agosto. En concreto, aparece a nova publicada por La Voz de Galicia o día 24 e a de El Progreso do día 25. No caso do xornal coruñés, a ligazón é á caché de Google, de xeito que a visita non conta para a súa páxina web. Podedes tamén escoitar a entrevista realizada a Luis Iglesia Besteiro e Xoán Carlos Fernández Pereira no programa O tren do serán da Radio Galega.
[La Voz de Galicia, 24 de agosto do 2009]
[El Progreso, 25 de agosto do 2009]
[Gravación do programa O tren do serán, da Radio Galega, do 28 de agosto do 2009]



(23/08/2009) Presentación de Riotorto no tempo

O vindeiro domingo, día 23, terá lugar a presentación do arquivo fotográfico Riotorto no tempo, promovido pola Asociación Arrincadeira. Será ás sete e media da tarde, no salón de actos da Centro Sociocultural.
Riotorto no tempo pretende reflectir en imaxes o devir histórico de Riotorto ao longo do século XX. Trátase dun proxecto que nace a partir das fotografías recollidas por membros da Asociación co gallo das festas do San Cristovo, do San Bernabé de Espasande de Riba e do San Bartolo de Espasande de Baixo. Agora decidimos darlle un formato aberto á participación de toda a veciñanza de Riotorto, aproveitando as novas tecnoloxías, posibilitando así que calquera persoa poida aportar novas fotos ou información sobre as que xa temos. Na presentación explicaremos máis polo miúdo como colaborar co proxecto.
Este acto pretende tamén servir como homenaxe aos fotógrafos que houbo en Riotorto e que son os autores da maior parte das imaxes da mostra: o Corelo, o Queitano, Teodoro, Villada, Ángel... Tamén queremos agradecer a colaboración de todas as familias que cederon fotos para o arquivo. Evidentemente, sen uns e outros -os fotógrafos e a xente que conservou as fotos- este proxecto non sería posible.
[Cartel anunciador]
[Páxina web de Riotorto no tempo]



(12/05/2009) Á venda o libro das Xornadas da Historia

Xa está á venda o libro das I Xornadas da Historia de Riotorto, onde se recolle o texto íntegro das dúas conferencias, así como numerosas ilustracións. Na seguinte ligazón podedes atopar máis información de como facervos con el.
[Como adquirir o libro das I Xornadas da Historia]



(08/05/2009) Novas galería de fotos

Na sección Fotos podedes ver tres novas galerías, correspondentes a actividades realizadas a finais do ano pasado e principios do actual: a Polafía, o partido Galiza-Irán e máis as II Xornadas da Historia.
[Galerías de fotos]



(01/03/2009) Fotos do III Certame de Fotografía de Riotorto

Aínda que con algo de retraso, podedes ver a galería das fotos participantes no III Certame de Fotografía. Desta volta, a gañadora do concurso foi Emma Aenlle González, coa foto titulada Misterio na neve. A entrega de premios realizouse o pasado día 1 de marzo, coincidindo coa III Feira da Artesanía do Ferro. Aínda que as bases estipulaban que había que entregar un mínimo de cinco fotos, finalmente optouse por admitir tamén a algúns participantes que non chegaron a esa cifra.
[Galerías de fotos]



(05/05/2009) Axuda aos damnificados polo terremoto de Italia

O noso amigo Vincenzo Di Frischia envíanos varios números de contas bancarias aos que se pode enviar axuda para os damnificados polo terremoto que asolou o centro de Italia fai unhas semanas. Están na seguinte ligazón:
[Contas bancarias de axuda aos damnificados polo terremoto de Italia]



(18/01/2009) X Asemblea Xeral de Arrincadeira

A Asociación Arrincadeira celebra a súa asemblea xeral ordinaria o vindeiro domingo, 18 de xaneiro, ás 13:00 horas no local de Arrincadeira, coa seguinte orde do día:

  1. Renovación da xunta directiva
  2. Propostas de actividades para o ano 2009
  3. Rogos e preguntas

Arrincadeira somos tod@s, e entre tod@s debemos decidir.



(13/01/2009) Novas galería de fotos

Na sección Fotos podedes ver dúas novas galerías, correspondentes a actividades que tiveron lugar nos meses de outubro e novembro do ano pasado, concretamente a II Festa das Cabazas e mailas VI Xornadas Micolóxicas.
[Galerías de fotos]



(05/01/2009) As Xornadas da Historia de Riotorto na prensa

Nas seguintes ligazóns podedes ver unha escolma das novas referentes ás II Xornadas da Historia de Riotorto publicadas por distintos xornais:
[Crónica3 A Mariña, 1 de xaneiro de 2008]
[La Voz de Galicia, 4 de xaneiro de 2008]
[El Progreso, 5 de xaneiro de 2008]



(03-04/01/2009) II Xornadas da Historia de Riotorto

A Asociación Arrincadeira organiza as II Xornadas da Historia de Riotorto, que terán lugar os días 3 e 4 de xaneiro, ás sete da tarde, no salón de actos do Centro Sociocultural.
O sábado, día 3, coa presenza de Antonio Veiga Outeiro (responsable da Área de Cultura da Deputación de Lugo) e Pedro Castañal Fernández (presidente de Arrincadeira), presentarase o libro recompilatorio das ponencias das I Xornadas da Historia. Seguidamente haberá unha conferencia titulada Microtoponimia: a súa importancia e conservación como patrimonio inmaterial da nosa cultura, a cargo de Antonio Vidueiro Rodríguez (licenciado en Filoloxía Galega e autor da recollida de datos no concello de Riotorto para o proxecto Toponimia de Galiza) e Óscar Castro Castedo (coordinador dos traballos de campo para ese mesmo proxecto).
O domingo, día 4, terá lugar a conferencia titulada Arquitectura popular do concello de Riotorto, a cargo de Carlos Xesús Varela Aenlle (etnógrafo e membro da Real Academia Galega). A continuación, haberá un debate aberto baixo o título Propostas para a conservación e posta en valor do noso patrimonio etnográfico.



(27/12/2008) Troco de rival da Selección Galega

Definitivamente, e despois do baile de candidatos, Irán será o rival de Galiza no partido do vindeiro día 27 en Riazor. A Dirección Xeral para o Deporte e maila Federación Galega de Fútbol decidiron rescindir o contrato que tiñan coa selección de Chile, que non estaba en condicións de cumprir coas cláusulas asinadas. O plan de viaxe de Arrincadeira mantense inalterado.
[A nova en Vieiros]
[Información sobre a Selección Galega]
[Información sobre a selección de Irán]



(09/12/2008) Reseña de La Voz de Galicia sobre a Polafía

O xornal La Voz de Galicia publicou o pasado día 9 unha reseña sobre a polafía que tivo lugar o día 6 no Mazo da Fraga de Ferreiravella, e que foi organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), en colaboración coa Asociación Arrincadeira e mailo Concello de Riotorto. Podedes vela na seguinte ligazón:
[La Voz de Galicia, 9 de decembro de 2008]



(27/12/2008) Arrincadeira coa Irmandiña

A Asociación Arrincadeira desprázase á Coruña para asistir ao Galiza-Chile, que será o cuarto partido na xeira moderna da Selección Galega de fútbol. A cita é o sábado 27 de decembro no estadio de Riazor. Sairemos de Riotorto ese mesmo día despois de xantar. O teléfono para reservar praza é o 618 84 12 55.
[Cartel anunciador]



(07/12/2008) Roteiro Vilar-Froxán (O Courel)

O vindeiro día 7 de decembro achegarémonos ao concello de Folgoso do Courel para realizar o roteiro Vilar-Froxán. Aproveitaremos para ver a Festa da Pisa da Castaña en Froxán e máis a Casa Museo de Xan de Vilar. A saída será ás 8.45 da mañá diante do noso local. O prezo é de 5 euros para os socios e de 10 euros para os non socios. Recoméndase levar a comida da casa, por se non hai abertos establecementos para comer. Podedes apuntarvos no teléfono 618 84 12 55.
[Cartel anunciador]



(06/12/2008) Polafía en Riotorto

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), en colaboración coa Asociación Arrincadeira e o Concello de Riotorto, organiza unha polafía patrocinada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo. Trátase dunha homenaxe aos ferreiros, que consistirá nunha reunión á que foron invitados todos os do concello, tanto en activo como retirados, e na que se contarán experiencias, historias, relatos... dunha vida dedicada a este noble oficio, a gardar o saber herdado e a transmitilo para o futuro. Contaremos tamén coa actuación de Xabier Blanco, especialista en músicas tradicionais. Será o vindeiro día 6 de decembro, ás 6 da tarde, no mazo da Fraga de Ferreiravella.
[Cartel anunciador]
[Máis información na web Galicia Encantada]



(10/11/2008) Reseña de El Progreso sobre as Xornadas Micolóxicas

Na seguinte ligazón podedes descargar a nova publicada polo xornal El Progreso sobre o Mercado de Outono, na que se inclúe unha referencia ás actividades levadas a cabo pola Asociación Arrincadeira dentro das VI Xornadas Micolóxicas.
[El Progreso, 10 de novembro de 2008]



(31/03/2009) III Certame de Fotografía

A Asociación Arrincadeira convoca o III Certame de Fotografía de Riotorto. As bases serán as mesmas ca o ano pasado, sendo o data límite de entrega o día 31 de marzo de 2009. Os orixinais, que deberán estar en formato dixital (CD-ROM), poden entregarse a calquera membro da directiva, no Bar Rodil ou no enderezo electrónico fotografia@arrincadeira.org.
[Bases do III Certame de Fotografía de Riotorto]
[Galería do I Certame de Fotografía de Riotorto]
[Galería do II Certame de Fotografía de Riotorto]



(8/11/2008-9/11/2008) VI Xornadas Micolóxicas

A Asociación Arrincadeira organiza un ano máis as Xornadas Micolóxicas, que este ano acadan a súa sexta edición. Reunirémonos o sábado día 8, ás 10 da mañá diante do local de Arrincadeira, para ir recoller cogumelos ao monte. O domingo día 9 terá lugar a exposición e degustación dos exemplares recollidos. Será ás 10 da mañá na Praza das Rodrigas, no marco do Mercado de Outono. Contaremos un ano máis coa axuda do micólogo Suso Blanco, da asociación micolóxica Os Bolouros. Nesta actividade colabora a Asociación de Mulleres Rurais Pobo de Miranda.
[Cartel anunciador]



(26/10/2008-31/10/2008) II Festa das Cabazas

A asociación cultural Arrincadeira organiza, en colaboración coa Asociación de Nais e Pais (ANPA) do Colexio Público de Riotorto, a II Festa das Cabazas.
O domingo 26 de outubro, ás 10 da mañá, desenvolverase na Casa da Cultura un obradoiro onde os nenos prepararán as cabazas para o día da festa. Prégase que os nenos que veñan acompañados dalgún maior traian unha navalla ou coitelo, e a poder ser todos os nenos deben vir cun rotulador gordo, un cullerón para baleirar as cabazas e se é posible traer algunha cabaza mellor que mellor.
O venres 31 de outubro dará comenzo nas Rodrigas a Festa das Cabazas ás 9 de noite coa representación da obra de títeres Cinco historias para unha man, a cargo da compañía Spaguetti Títeres, de Mondoñedo, ideal para o público familiar. Máis tarde, aló polas dez e media, procederase ao apagado da iluminación da Praza das Rodrigas así como ao comezo do tradicional magosto. Animamos a todos os nenos e familiares a que participen nesta fermosa festa.
[Cartel anunciador]
[Galería fotográfica da I Festa das Cabazas]
[Vídeo resume da I Festa das Cabazas]
[Cartel da obra Cinco historias para unha man, anverso]
[Cartel da obra Cinco historias para unha man, reverso]
[Folleto informativo sobre a Festa das Cabazas]



(04/07/2008) San Cristovo 2008: exposición fotográfica

A Asociación Arrincadeira colabora nas festas do San Cristovo, que terán lugar o vindeiro fin de semana, cunha exposición de fotografías antigas que levará por título O San Cristovo de Riotorto no tempo.
Aproveitamos para facer un chamamento a quen teña fotos antigas do San Cristovo, animándoo a que se poña en contacto connosco no enderezo info@arrincadeira.org ou ben chamando ao teléfono 687 70 10 51 (Pedro)



(04/07/2008) Canle de Arrincadeira en YouTube

Anunciámosvos que a Asociación Arrincadeira tén unha canle no coñecido portal de vídeos YouTube. Alí iremos poñendo gravacións das distintas actividades que vaiamos realizando.
[Canle de Arrincadeira en YouTube]



(20/05/2008) Nova galería de fotos

Tedes unha nova galería fotográfica á vosa disposición na sección Fotos, correspondendente á actuación do grupo Alba Noctua, que tivo lugar o sábado pasado co gallo do Día das Letras Galegas.
[Galerías de fotos]



(17/05/2008) Día das Letras Galegas: actuación de Alba Noctua

Coma todos os anos, a Asociación Arrincadeira celebra o Día das Letras Galegas. Nesta ocasión será cunha actuación do grupo de folk fusión Alba Noctua, que terá lugar o sábado día 17, ás 20.00 no Centro Sociocultural.
Este ano o Día das Letras Galegas dedícaselle a Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915 - Vigo, 1985), escritor, arqueólogo, investigador e editor galeguista, do que incluímos unha ligazón á súa biografía.
[Cartel anunciador]
[Web de Alba Noctua]
[Información sobre Xosé María Álvarez Blázquez]



(12/05/2008) Nova galería de fotos

Na sección Fotos tedes á vosa disposición as fotografías que se presentaron ao II Certame Fotográfico de Riotorto, así como imaxes da entrega de premios, que tivo lugar o pasado día 20 de abril, coincidindo coa II Feira da Artesanía do Ferro.
[Galerías de fotos]



(08/05/2008) Novo punto de venda de El Agricultor

Anunciámosvos que a partir de agora, podedes adquirir a edición facsimilar de El Agricultor na Libraría Eugenia da Pontenova, que se suma así á Libraría Acuarela (Riotorto) e á Galería Sargadelos (Lugo). Tamén podedes adquirila chamando ao teléfono 687 70 10 51 (Pedro). Recordamos que El Agricultor foi órgano, ademais da Sociedad de Labradores y Agricultores de Riotorto, da Unión Agrícola y Pecuaria de Vilaoudriz e Vilameá (concellos que formaban o que hoxe é A Pontenova), polo que inclúe bastantes artigos e novas referidos a esta vila, como por exemplo a folga xeral levada a cabo polos obreiros das minas de Vilaoudriz.
[Como adquirir a edición facsimilar de El Agricultor]
[Anuncio da presentación de El Agricultor]
[Fotos da presentación de El Agricultor]



(05/05/2008) Apoio ao manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística

A Asociación Arrincadeira apoia o manifesto Polo dereito a vivirmos en galego, promovido pola Mesa pola Normalización Lingüística para a manifestación do 18 de maio, ao tempo que convidamos a todas as entidades cívicas a asinar o devandito manifesto, o que pode facerse no seguinte enderezo: http://www.amesanl.org/18maio2008/apoios.htm
[Texto do manifesto Polo dereito a vivirmos en galego]
[Web da Mesa pola Normalización Lingüística]



(24/04/2008) Laura Alonso, gañadora do II Certame de Fotografía

Laura Alonso Carracedo sucede a Santiago Rodríguez Gavín como gañadora do Certame de Fotografía de Riotorto. En breve publicaremos as fotografías participantes no concurso, así como as imaxes da entrega de premios, que tivo lugar o domingo pasado no noso local.



(24/04/2008) Aprazada a ruta da Fraga da Vilapena

A ruta da Fraga da Vilapena, prevista para o vindeiro domingo, queda aprazada por problemas de saúde dun dos membros da directiva. Desde a Asociación Arrincadeira pedímosvos desculpas polas molestias que vos puidera ocasionar este aprazamento.



(27/04/2008) Ruta da Fraga da Vilapena

A Asociación Arrincadeira organiza unha nova ruta de sendeirismo. Nesta ocasión desprazámonos ao veciño concello de Trabada para facer a ruta da Fraga da Vilapena. Será o vindeiro domingo, día 27. Para puntarvos podedes falar con calquera membro da directiva ou chamar ao 618 84 12 55 (Pereira).
Por outra banda, podemos adiantar que no mes de xuño estará con nós o actor, director e contador de contos Quico Cadaval. No seu momento informarémosvos máis polo miúdo.
[Cartel anunciador da ruta]
[Información sobre a ruta]
[Cartel anunciador de Quico Cadaval]



(20/04/2008) II Feira da Artesanía do Ferro. Apertura do noso novo local

Co gallo da celebración da II Feira da Artesanía do Ferro, aproveitamos para inaugurar o noso novo local, que está situado na Praza das Rodrigas, entre a casa de Bastián e o bar de Orlando. Podedes velo na seguinte fotografía aérea:



(31/03/2008) II Certame de Fotografía de Riotorto

A Asociación Arrincadeira convoca por segundo ano o Certame de Fotografía de Riotorto. O tema, ao igual có ano anterior, será o patrimonio cultural de Riotorto en calquera das súas vertentes: histórico-artística, arqueolóxica, natural, paisaxística, cultural e monumental. A novidade para este ano é que só se poderán presentar fotografías en formato dixital (CD-ROM). Os orixinais poderán ser entregados a calquera membro da directiva de Arrincadeira, no Bar Rodil ou ben no enderezo electrónico fotografia@arrincadeira.org. O prazo de entrega rematará o vindeiro 31 de marzo. Para máis información, podedes consultar as bases do concurso:
[Bases do II Certame de Fotografía de Riotorto]



(29/01/2008) Nova galería de fotos

Xa podedes ver as fotos da excursión á estación de San Isidro que tivo lugar os pasados días 26 e 27 de xaneiro. Están dispoñibles na sección Fotos.
[Galerías de fotos]



(26/01/2008) Novas galerías de fotos

Na sección Fotos, tedes á vosa disposición catro novas galerías, correspondentes a actividades realizadas no ano 2007. Concretamente, trátase da Ruta da Auga, as V Xornadas Micolóxicas, a Festa das Cabazas e os partidos da selección galega de fútbol.
[Galerías de fotos]



(26-27/01/2008) Excursión á estación de San Isidro

A Asociación Arrincadeira organiza unha excursión á estación invernal de San Isidro (León). A saída terá lugar o sábado 26 de xaneiro, ás 6.00 da mañá, desde a Praza das Rodrigas, e a chegada o domingo 27, ás 19.00.
A reserva da praza pode facerse mediante ingreso ou transferencia de 20 euros na conta de Arrincadeira no Banco Simeón de Riotorto. O prazo para facer este ingreso dura até o martes día 15 de xaneiro.
O prezo da actividade é de 39 euros para os socios de Arrincadeira, e de 59 euros para os non socios. Este prezo inclúe o desprazamento e o aloxamento. Para máis información podedes chamar ao teléfono 696 41 72 83 (Villada).
[Cartel anunciador]



(19/12/2007) El Agricultor na Biblioteca Nacional de España

Fai uns meses presentábamosvos a edición facsimilar da revista El Agricultor, editada pola S. A. de Xestión do Plan Xacobeo e coordinada polo profesor Benigno Fernández Salgado, e na que colaborou a Asociación Arrincadeira. Agora pode consultarse na Biblioteca Nacional de España (Paseo de Recoletos, 20-22 - Madrid). Esta é a ficha de El Agricultor na páxina web da BNE:



[Catálogo da BNE]



(16/12/2007) IX Asemblea Xeral de Arrincadeira

A Asociación Arrincadeira celebra a súa asemblea xeral ordinaria o vindeiro domingo 16 de decembro ás 19:00 horas na 2ª planta do concello coa seguinte orde do día:

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior
  2. Información das actividades realizadas no ano 2007
  3. Elección de nova directiva
  4. Propostas de actividades para o ano 2008
  5. Rogos e preguntas

Arrincadeira somos tod@s, e entre tod@s debemos decidir.



(27/12/2007) Partidos da selección galega de fútbol

Por terceiro ano consecutivo, a Asociación Arrincadeira desprázase ver a selección galega de fútbol. Este ano a cita é no estadio de Balaídos, en Vigo. A novidade é que, por primeira vez, xogará a selección feminina, que se enfrontará a Catalunya. Despois xogará a selección masculina contra Camerún. Sairemos desde Riotorto o día do partido, despois de xantar. Podedes apuntarvos chamando ao teléfono 618 84 12 55 (Pereira).
[Cartel anunciador]
[Información sobre a selección galega de fútbol]
[Cartel anunciador do partido]



(13/11/2007) Folleto informativo sobre a Festa das Cabazas

Na seguinte ligazón podedes descargar o folleto informativo que repartimos o pasado día 31 na Festa das Cabazas, con información sobre as orixes e a historia desta celebración.
[Folleto informativo sobre a Festa das Cabazas]



(31/10/2007) Festa das Cabazas

A Asociación Arrincadeira celebra este mércores a Festa das Cabazas (tamén coñecida como Samaín), que terá lugar na Praza das Rodrigas a partir das 10 da noite, momento no cal se apagará o alumeado público e celebraremos o magosto iluminados pola luz das cabazas.
Contaremos coa presenza da contacontos Fátima Fernández, que nos arrepiará con historias de medo. Nesta actividade colabora a APA (Asociación de Pais de Alumnos) do Colexio de Riotorto.
[Cartel anunciador]
[Información sobre o Samaín]



(14/10/2007) V Xornadas Micolóxicas

O vindeiro domingo día 14 a Asociación Arrincadeira celebra a Vª edición das Xornadas Micolóxicas. Ás 10 da mañá sairemos da Praza das Rodrigas para apañar cogumelos. A mediodía terá lugar a degustación dos mesmos nos bares de Riotorto, e á tardiña expoñeremos no baixo do Centro Sociocultural os exemplares recollidos.
Contaremos coa colaboración de Xesús Blanco, da asociación micolóxica Os Bolouros. Nesta actividade colaboran a Asociación de Mulleres Rurais Pobo de Miranda e a Asociación de Empresarios e Comerciantes de Riotorto.
[Cartel anunciador]



(17/06/2007) Ruta da Auga en Taramundi

O vindeiro domingo 17 de xuño a Asociación Arrincadeira achegarase ao veciño concello de Taramundi para realizar a Ruta da Auga. Sairase da Praza das Rodrigas ás 10.00 da mañá, aproximadamente. Unha vez rematada a ruta, farase unha visita ao complexo etnográfico do Mazonovo.
[Cartel anunciador]
[Información sobre a ruta]
[Información sobre Mazonovo]



(31/05/2007) Novas galerías de fotos

Incluímos dúas novas galerías na sección Fotos. Corresponden á presentación da edición facsimilar de El Agricultor e celebración na Croa do Día das Letras Galegas, os pasados días 16 e 17, respectivamente. Ademáis, engadimos novas fotos na galería correspondente á Feira da Artesanía do Ferro.
[Galerías de fotos]



(22/05/2007) Cartas ao Concello e ás entidades bancarias

Co gallo do Día das Letras Galegas, a Asociación Arrincadeira enviou cadansúa carta ao Concello e ás entidades bancarias que operan en Riotorto. No caso do Concello, instámolo a que cumpra coa Lei de Normalización Lingüística. En canto ás entidades bancarias, animámolas a que inclúan unha versión en galego na súa páxina web (aquelas que aínda non o fixeron), ademáis de dar a posibilidade de que as comunicacións aos clientes se fagan en galego. Nas seguintes ligazóns podedes descargar as cartas:
[Carta ao Concello, Día das Letras Galegas 2007]
[Carta ás entidades bancarias, Día das Letras Galegas 2007]



(16/05/2007) Día das Letras Galegas e presentación de El Agricultor

O vindeiro mércores día 16 vai ter lugar a presentación da edición facsimilar de El Agricultor, xornal que editou a Sociedad de Labradores y Agricultores de Riotorto entre 1907 e 1919. Esta edición facsimilar contou coa colaboración da Asociación Arrincadeira e está coordinada polo profesor Benigno Fernández Salgado. O acto de presentación terá lugar ás 20.00 horas no segundo andar da Casa do Concello.
Ademáis, o xoves día 17 celebraremos o Día das Letras Galegas. Será cunha actuación do grupo de música tradicional A Volta do Agro, que terá lugar na Croa ás 17.00 horas.
Nas seguintes ligazóns podedes descargar o cartel anunciador dos actos, así como tres artigos publicados no xornal El Progreso os días 11, 13 e 16, referentes á edición facsimilar de El Agricultor. Tamén incluímos un anuncio da escolma de El Agricultor que se distribuirá co xornal El Progreso o xoves día 17.
[Cartel dos actos do Día das Letras Galegas]
[El Progreso, 11 de maio de 2007]
[El Progreso, 13 de maio de 2007]
[El Progreso, 16 de maio de 2007]
[El Progreso, 15 de maio de 2007 - Anuncio da escolma]
[El Progreso, 18 de maio de 2007 - Reseña do acto]



(19/05/2007) Ruta de sendeirismo en Pol

Un socio de Arrincadeira infórmanos dunha ruta de sendeirismo que organiza Galiza Nova por terras do concello de Pol. Esta ruta terá lugar o sábado 19 de maio e visitaranse os lugares de Lea, Cirio, Suegos, Xerbolés e Mosteiro. Podedes apuntarvos chamando antes do 17 de maio aos teléfonos 617388569 (Silvia) e 670616198 (Andrea)
[Cartel anunciador]



(09/05/2007) Fotos participantes no I Certame de Fotografía

Na sección Fotos podedes ver as fotografías que participaron no I Certame de Fotografía de Riotorto. As fotos da entrega de premios podedes velas na galería correspondente á Feira de Artesanía do Ferro.
[Galerías de fotos]



(07/05/2007) Novas galerías de fotos

Tedes á vosa disposición dúas novas galerías na sección Fotos. Trátase de actividades realizadas no pasado mes de abril: as Xornadas da Historia, e a participación de Arrincadeira na Feira da Artesanía do Ferro.
[Galerías de fotos]



(20/04/2007) Fotos da excursión a Leitariegos

Está dispoñible unha nova galería na sección Fotos, correspondente á excursión á estación invernal de Leitariegos, que se realizou o pasado día 3 de febreiro. As fotos foron cedidas por Ángel Villada e Xosé Castro Vega, aos que agradecemos a súa colaboración.
[Galerías de fotos]



(18/04/2007) I Feira da Artesanía do Ferro

Desde a Asociación Arrincadeira queremos expresar a nosa satisfacción polo enorme éxito da I Feira da Artesanía do Ferro que se celebrou en Riotorto o pasado domingo, así como darvos as gracias a tod@s @s que vos fixestes soci@s de Arrincadeira, mercastes algo no noso posto ou simplemente pasastes por alí.
Tamén aproveitamos para avisar que había unha pequena errata no xornal Crónicas de Riotorto que distribuímos na feira. Na última nova ("Nacimientos") falta a última liña, que corresponde á referencia ao xornal do que foi obtida. Debería poñer "Mondoñedo, 15 de marzo de 1910". Desgrazadamante, cando advertimos o erro o xornal xa fora enviado á imprenta.
Por certo, se non conseguistes o xornal e/ou a pegatina o día da feira, aínda podedes facelo poñéndovos en contacto con calquera dos membros da directiva.
[Web da I Feira da Artesanía do Ferro]



(11/04/2007) Carta aos socios, marzo de 2007

Estes días chegará aos vosos domicilios (se non o fixo xa) a carta que desde a Asociación Arrincadeira vos enviamos para informarvos das actividades de cada trimestre. Seguimos na campaña de captación e regularización de socios, por iso incluímos na carta unha autorización de pagamento, só tedes que cumprimentala e entregala no Banco Simeón de Riotorto. Tamén podedes facervos socios mediante unha transferencia bancaria á conta 0130-3067-05-0209917182 (non esquezades poñer o voso nome). No vindeiro trimestre só enviaremos a carta aos socios que estean ao día no pago da súa cota.
[Carta aos socios, marzo 2007]



(30/03/2007) I Xornadas da Historia de Riotorto

A Asociación Arrincadeira organiza as I Xornadas da Historia de Riotorto, que terán lugar os vindeiros días 5 e 6 de abril. Intervirán Abel Vigo, arqueólogo municipal de Mondoñedo, que falará sobre o castro da Croa e a cultura castrexa en Riotorto; e Carlos Andrés González Paz, historiador e membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, que falará sobre as fortificacións medievais existentes no noso concello (castelo de Penaflor, Torre do Moro, etc...). Faranse visitas aos lugares obxecto das conferencias.
[Cartel das Xornadas, tamaño reducido]
[Cartel das Xornadas, tamaño real]



(22/03/2007) Nova xunta directiva

Xa podedes ver as fotos da nova xunta directiva que resultou elexida na asemblea xeral do pasado 23 de decembro. A única novidade é a entrada de Miguel Gutiérrez, que ocupa a vacante que deixou José Luis Pértega despois da súa demisión. A composición da nova directiva e as fotos están na sección Quen somos. Ademáis, incluímos un novo apartado, onde figuran as distintas xuntas directivas que tivo a Asociación Arrincadeira ao longo da súa historia.
[Nova directiva]
[Directivas anteriores]



(21/02/2007) Novas galerías de fotos

Xa están dispoñibles tres novas galerías na sección Fotos. Corresponden a actividades realizadas a finais do pasado ano 2006; concretamente, trátase de imaxes do curso de fotografía dixital, a xornada Fogar Saudábel e o partido Galiza-Ecuador
[Galerías de fotos]



(01/03/2007) Carta aos socios: novas cotas

No mes de xaneiro chegou ás casas dos socios a carta na que desde a Asociación Arrincadeira vos informamos das actividades para o primeiro trimestre do ano 2007. Ademáis, nesta carta informámosvos das novas cotas que se aprobaron na asemblea xeral do pasado 23 de decembro, e que son de 15 e 30 euros, a escoller en función do grao de implicación na Asociación. Naturalmente, os socios que paguen a cota de 30 euros terán máis vantaxes, como rebaixas ou exencións no prezo das actividades, etc...

Tamén se aprobou que, a partir de agora, as cotas sexan cobradas por domiciliación bancaria, para o cal só tedes que cumplimentar cos vosos datos a autorización de pagamento que incluimos na carta, e entregala no Banco Simeón de Riotorto. O número de conta para efectuar o pagamento é o 0130-3067-05-0209917182. Podedes descargar a carta na seguinte ligazón:
[Carta aos socios, decembro 2006]



(03/02/2007) Excursión a Leitariegos

A Asociación Arrincadeira organiza unha excursión á estación invernal de Leitariegos (León). O autobús sairá da Praza das Rodrigas o sábado 3 de febreiro ás seis da mañá, cun regreso estimado ás dez da noite do mesmo día. O prezo da actividade é de 29 euros para os adultos e 25 para os nenos. A inscrición efectúase chamando ao teléfono 696 41 72 83 (preguntar por Villada). As prazas serán asignadas por rigorosa orde de chamada.



(23/12/2006) VIII Asemblea Xeral de Arrincadeira

A Asociación Arrincadeira celebra a súa asemblea xeral ordinaria o vindeiro sábado 23 de decembro ás 19:00 horas na 2ª planta do concello coa seguinte orde do día:

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior
  2. Información das actividades realizadas no ano 2006
  3. Elección de nova directiva
  4. Propostas de actividades para o ano 2007
  5. Rogos e preguntas

Arrincadeira somos tod@s, e entre tod@s debemos decidir.



(22/11/2006) I Certame de Fotografía de Riotorto

A Asociación Arrincadeira convoca o I Certame de Fotografía de Riotorto. Neste concurso poden participar todas as persoas que o desexen. O tema sobre o que deberán versar as fotografías será o patrimonio cultural de Riotorto en calquera das súas vertentes: histórico-artística, arqueolóxica, natural, paisaxística, cultural e monumental. Haberá dúas formas de entrega: persoalmente, a calquera membro da directiva ou no Bar Rodil (en soporte de papel ou en CD-ROM), ou ben na dirección fotografia@arrincadeira.org. A entrega deberá efectuarse antes do 7 de xaneiro. Para máis información, consultade as bases do concurso:
[Bases do I Certame de Fotografía de Riotorto]



(26/11/2006) Xornada Fogar saudábel

Arrincadeira organiza, conxuntamente coa asociación de mulleres rurais Pobo de Miranda, a xornada Fogar saudábel, que terá lugar o domingo 26 de novembro, a partir das 10 da mañá, no segundo andar do Concello. Esta xornada incluirá, entre outras actividades, conferencias sobre:

  • Xeobioloxía: O bo sitio e a saúde na nosa casa.

  • Bioconstrución: da construcción tradicional á construcción actual. Materiais sans, o seu recoñecemento e testaxe. Consellos útiles para habitar unha casa sana.

  • Efectos da contaminación no ser humano. Tipos de contaminación e subsanación das causas e/ou efectos.

Tamén se organizará un obradoiro de radiestesia, que consistirá en aprender a usar unhas varillas para localizar redes electromagnéticas, fallas, oquedades subterráneas, vetas minerais, veas de auga, etc...

A xornada será impartida por Javier Goyanes López (prospector-radiestesista) e Antonio Manuel Seijas Pardo (arquitecto técnico e prospector-radiestesista). Podedes inscribirvos chamando ao teléfono 618 84 12 55 (Xoán Carlos). O prezo de inscrición será de dez euros. Podedes atopar máis información nos seguintes documentos:
[Cartel da xornada Fogar saudábel]
[Programa da xornada Fogar saudábel]



(21/11/2006) Novas galerías de fotos

Na sección Fotos podedes ver catro novas galerías: tres delas correspondentes ás últimas actividades (presentación da páxina web, xornadas micolóxicas e mesa redonda sobre as plantacións forestais) e unha correspondente á visita a Mondoñedo que se realizou en xuño de 2004. As fotos desta última galería foron cedidas por Carlos Villada, a quen lle agradecemos a súa colaboración, ao tempo que animamos a tod@s @s que teñades fotos dalgunha actividade de Arrincadeira a que nolas enviedes á nosa dirección de correo ou falando con calquera dos membros da directiva.
[Galerías de fotos]



(18/11/2006) Mesa redonda sobre as plantacións forestais

A Asociación Arrincadeira organiza unha mesa redonda que terá como tema a viabilidade económica das plantacións forestais con especies autóctonas. Este acto terá lugar o vindeiro sábado día 18, ás 19.00 horas, no segundo andar da Casa do Concello. Participarán no mesmo os seguintes convidados:

  • Florentino Fernández, enxeñeiro de montes e membro da Comunidade de Montes de Zobra (Lalín)

  • Adela Figueroa, catedrática de Bioloxía e presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)

  • Emilio López, delegado da Consellería do Medio Rural en Lugo

  • Ángel Hermida, empresario do moble, xerente de Muebles Hermida S. L. e presidente do Clúster da Madeira de Galiza

  • Daniel Villapol, empresario da madeira, conselleiro delegado do Grupo Villapol, S. A.

[Cartel da mesa redonda sobre as plantacións forestais]

[Web da Comunidade de Montes de Zobra]
[Web de ADEGA]
[Web da Consellería do Medio Rural]
[Web de Muebles Hermida]
[Web do Grupo Villapol]


(25/10/2006) Carta aos socios, outubro de 2006

Estes días chegará aos domicilios dos socios a carta que lles envía Arrincadeira para informar das actividades do vindeiro trimestre. Podedes descargala na seguinte ligazón:
[Carta aos socios, outubro 2006]



(13/10/2006) Reseña de El Progreso sobre a presentación da web

O venres día 13, o xornal El Progreso publica a nova da presentación da nosa páxina web:
[El Progreso, 13 de outubro de 2006]



(11/10/2006) Presentación da páxina web de Arrincadeira

A Asociación Arrincadeira presenta oficialmente a súa páxina web. Este acto terá lugar o mércores día 11 de outubro, a partir das 21.00 horas, no salón de actos do Centro Sociocultural de Riotorto.
[Páxina web de Arrincadeira]